Sunday 28 de April de 2024

Adxudicadas as obras de reurbanización da rúa Estrela, que completarán a humanización do ámbito dos Baños Vellos


A Xunta de Goberno Local tamén acordou iniciar, por terceira vez, o procedemento de contratación do centro social de Goiáns, que se fará en dúas fases

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de reurbanización da rúa Estela á empresa Excavaciones y Obras Candal por 202.203,62 euros. Con esta actuación completaranse as actuacións previstas dentro do plan director do ámbito dos Baños Vellos para poñer en valor unha zona de tanta importancia histórica, social e turística como é a contorna do noso balneario, o único en funcionamento en toda a provincia da Coruña.

Despois das obras realizadas nas rúas Baños Vellos, Pontevedra e Chile, e das que están a piques de rematar na rúa Lugo (na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou, precisamente, unha prórroga dun mes no prazo de execución polos problemas de subministro de materiais), chega o momento de completar a humanización dese ámbito coa reurbanización da rúa Estrela e a mellora da accesibilidade nos entronques coas rúas Perú, Vázquez de Parga e Baños Vellos.

Tal como se expón no plan director, a rúa Estrela terá sentido único e eliminarase unha ringleira de aparcamento para poder substituír as actuais beirarrúas, moi estreitas e pouco accesibles, por amplos percorridos peonís e incluír vexetación que mellore a calidade ambiental e estética do ámbito. Ao mesmo tempo, solucionaranse as deficiencia existentes nos servizos urbanísticos.

Centro social de Goiáns
Na sesión de hoxe tamén se acordou poñer en marcha, por terceira vez, o procedemento de contratación das obras de construción do centro social da parroquia de Goiáns, que se situará en Xoane. A actuación acometerase en dúas fases, “de tal xeito que cada unha delas é susceptible da súa posta en servizo de xeito individual e independente”, segundo recolle o propio proxecto.

A primeira fase, que é a que sae a contratación agora, inclúe a execución completa do edificio para a súa posta en servizo, cun orzamento de 246.515 euros; na segunda acometeranse obras complementarias que, tal como recolle o proxecto, “non resultan imprescindibles para o funcionamento do centro social, xa que se refiren unicamente á urbanización exterior da parcela”.

Outros acordos
Na sesión de hoxe tamén se aprobou a adxudicación a Helvetia Compañía Suiza do contrato de servizos correspondente ao seguro da flota de vehículos do Concello de Carballo, por 15.680 euros.
Fóra da orde do día, ademais, aprobouse o contrato administrativo do servizo profesional de responsable de seguridade informática segundo o Esquema Nacional de Seguridade, cun orzamento para o primeiro ano de 6.482,63 euros.